A emoción dos viños

En la Catedral de Tui (Pontevedra), el sábado 16 de Junio.

Más información (copiada de O Viticologo dos Bagos):

Xa estamos artellando a segunda edición de “A Emoción dos Viños” que decorrerá outro ano máis no Claustro da Catedral de Tui, este ano ampliamos horario: será o sábado 16 de xuño de doce a dúas da mañá e de cinco a nove da tarde.

O claustro da Catedral de Tui nos acollerá para disfrutar dos mellores viños nun escenario acorde co que todos os amantes dos viños emocionantes, da boa música e da mellor compañía esperamos.
Iso ofrecemos: reflexión, emoción e conversa amigábel coa xente que ama a esencia da terriña nunha copa.

Para darlle agarimo musical á pedra centenaria do claustro contaremos con membros da prestixiosa banda viguesa “Son de Seu”

Este ano sacamos trescentas entradas que poremos a venda (10 € para a organización do tinglado) en viñotecas das cidades máis importantes de Galicia, tamén se poden conseguir enviando un correo a garciatui@hotmail.com. Nuns días publicaremos a lista final de adegas e colleiteiros que estarán presentes no claustro.

Aproveitando un entorno tan especial coma o Claustro da Catedral da histórica cidade de Tui daremos a coñecer os viños que emocionan, viños que van máis alá, elaboracións especiais dun grupo de viticultores – enólogos que representan coas súas creacións vitivinícolas os mil matices da viticultura galega. Coma os mil ríos que regan estas terriñas, viñas dos mil vales e vilas que representan tradicións diferenciadas, espazos únicos, paisaxes de ensoño que estes viños transmiten en cada trago, en cada aroma, desde a beira do mar Atlántico ate as vertixinosas pendentes da viticultura heroica de montaña. Océano que define co seu ADN o carácter destes viños, unha marca común sobrevoando entre encostas e vertentes, socalcos e chairas, bosques e matos, sobre penedos graníticos e montañas redondeadas agarimosamente polo seu aire.

Nun espazo desta magnitude que favorece a meditada degustación de manxares divinos coma o viño, bebida relacionada coa relixión desde os seus comezos, temos coma obxectivos deste salón de viños:

Presentar a todos os amantes do viño as elaboracións que devolven a Galicia ao lugar onde lle corresponde neste universo do viño, que non é outro que o dos viños de máis calidade de Europa e por ende do mundo. Aqueles viños que deran fama a Galicia, sendo degustados nas mesas máis nobres polos padares máis esixentes do continente e cantados ademais polo rei máis sabio que houbo.

Proxectar ao consumidor, neste difícil mercado do viño, a nobreza de viños fieis á súa herdanza histórica e aos seus terroirs diferenciados: riqueza de matices, castes, paisaxes, tradicións e culturas.

Potenciar o desenvolvemento da viticultura de calidade apegada á tradición destas terras.

Concienciar aos viticultores, enólogos, periodistas, e sobre todo aos sumilleres (responsábeis de propagar nos consumidores a cultura do viño e o seu consumo saudábel) e como non a todos os amantes do viño, do pequeno tesouro que representan os viños de Galicia e da súa historia, para poder proxectarse no mundo con seguridade e confianza, valorizándoos coma é debido, como se merecen.

Promover entre a xuventude o consumo saudábel do viño e incentivar a cultura milenaria do mesmo e o coñecemento da súa degustación.

Serán máis de trinta adegas de Galicia e do norte de Portugal seleccionadas polo seu compromiso coa calidade, representantes da identidade dos seus vales, vilas e parroquias e que teñen dado mostras dabondo estes últimos anos, con recoñecementos nas feiras máis importantes do mundo, e o que máis nos enorgullece ter levado o nome e o sabor de Galicia polo mundo adiante ó través dos seus viños.

Publicado por

Barranco Oscuro

Barranco Oscuro, vinos de altura